Tonight the streets are ours

Tonight the streets are ours,
esas luces nos nosos ollos non menten. Tres rapaces baixan pola rúa dos
Aires, cara o porto, cantando. Acompañan aos nenos que corren desde hai
séculos, pasan a Escola de Náutica e chegan á Aduana Vella. Alí
recébeos o cheiro dos baleeiros, o comercio do kummel e do liño, un
alemán que ergue o sombreiro ao seu paso, despois de chiscarlle o ollo
ao espía da pérfida Albión. As xentes míranse nas caras embravecidas da
tarde, á beira do mar. Alí, en Guimarán, en fronte da veciña pobra de
Reboredo, atronan naos de lingua estraña mais coñecida. Levamos
douscentos anos sangrando a vida e sorrindo, en amor de xerfa, de
saqueos e namoros, en lealdade de traizóns e ataques partillados, neste
Atlántico que nos fai e que nos une, universais, desde a Pena Furada e A
Rochela rinlega ás costas de Portsmouth, Riga ou La Rochelle.